MANIFESTO 8M


Neste 2021, Nacións Unidas escolleu como lema para este 8M “Por un futuro igualitario no mundo da COVID-19”. A crise que trouxo consigo a pandemia que estamos a vivir, puxo de relevo a importancia fundamental das contribucións das mulleres como as cargas desproporcionadas que soportan.

Durante esta pandemia as mulleres estiveron, e están, en primeira liña e desempeñaron, e seguen a facelo, un papel extraordinario. As mulleres levaron máis peso, en tanto que son maioría dentro do persoal sociosanitario, e froito da desigualdade, tamén na vida privada asumen unha carga moito maior no coidado dos menores e persoas dependentes. A todo elo temos que sumarlle que as medidas adoptadas para conter o coronavirus xeraron circunstancias que agravaron a maior das crueldades do machismo, agravaron a violencia sobre as mulleres.

A mensaxe deste 8M debe estar presente nas conciencias e acción de tódalas persoas, entidades e institucións día tras día. Debe estar presente os 365 días do ano.

É por elo, que dende o Concello de Maside queremos por de manifesto que as mulleres contan coa nosa determinación para priorizar e promover en todos os eidos ós que poidamos chegar, as políticas e medidas que contribúan ó verdadeiro respecto dos seus dereitos e establecemento da xustiza social, especialmente aquelas accións que traballen na concienciación dos nosos veciños e veciñas e na axuda a cada unha das rapazas e mulleres para que, en igualdade de oportunidades e condicións que os homes, poidan ocupar na sociedade o lugar que lles corresponde por dereito propio e que non é outro que o que elas desexen e escollan.

Neste senso o Concello de Maside, co seu alcalde, José Manuel Iglesias Araujo, á cabeza levarán ó seguinte pleno a moción de aprobación do IIº Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Maside. Documento que rexerá a vida municipal en tanto en canto nel se reflexan propostas para a mellora e avance do noso municipio no eido da igualdade.